9.2.07

Prohibido pensar e opinar


Kelme non quere deportistas que pensen e opinen. Nomeadamente, se son “politicamente incorrectos”. En por iso, acaba de rescindir o contrato de patrocinio co futbolista do F.C. Barcelona Oleguer Presas. Oleguer volve estar de actualidade non polo seu xogo no campo, senón polas súas ideas. Nesta ocasión, polo artigo que reproducimos de seguido, traducido ao galego, e que publicou en Berria e “Setmanari de comunicació directa”

Por certo, se queres acceder ao “Setmanari” dende a rede da Xunta esta é a mensaxe que aparece:

Acceso non permitido - Acceso no permitido




A páxina que desexa ver non pode ser accedida debido a que pertence a unha categoría non permitida.

Dirección bloqueada:


http://www.setmanaridirecta.info/




Data de Bloqueo - Fecha de Bloqueo:


09/Feb/2007:08:29:06




Categorías Bloqueadas:


pornografia-ac




Imos aló co artigo de Oleguer, texto que subscribimos de principio á fin.

«A BOA FE

De Juana Chaos leva 20 anos no cárcere. Debido ás vantaxes legais vixentes impúxoselle unha pena de 18 anos polos crimes cometidos. Aínda así, hoxe en día segue no cárcere en prisión preventiva á espera de resolución por dous artigos de opinión escritos no xornal Gara. En opinión da Audiencia Nacional Española De Juana Chaos cometeu un delito de ameaza terrorista e impúxolle unha condena de 12 anos e medio. Como protesta a esta decisión De Juana Chaos decidiu iniciar unha folga de fame até o final. Nun estado de dereito- dínnolo unha e outra vez, como se fose unha campaña de publicidade- non hai pena de morte nin cadea perpetua. E a eutanasia tamén esta prohibida. Vou actuar de boa fe e vou pensar que o estado de dereito cre nas súas leis; é dicir que non aplica a cadea perpetua nin a pena de morte. De boa fe, outra vez, vou pensar que o contido dos artigos de De Juana Chaos son totalmente explícitos, tanto como para ter a unha persoa no cárcere.

Querería crer que no estado de dereito hai liberdade de expresión, e neste xuízo, no de Egunkaria ou no xuízo do actor Pepe Rubianes -por comentar algúns- hai suficientes indicios para procesar aos responsábeis. Se non é así, todos clamarían ao ceo, porque é iso o que fan cando se incumpre a liberdade de expresión fóra de aquí, en Marrocos, Cuba e Turquía, entre outros. A boa fe faime pensar que o estado de dereito é o mesmo para todos; que as presións políticas non teñen ningunha repercusión, e que o poder xudicial é realmente independente; que as declaracións do ministro de Xustiza López Aguilar non repercutiron na decisión xudicial -quen dixo que o Goberno faría outras tantas imputacións para que De Juana non quedase en liberdade-.

“As palabras non, as accións”, dixo alguén. David Fernández fálanos destes feitos no libro”Croniques del 6 i altres do claveguera policial”: A Enrique Rodríguez Galindo, xeneral da Garda Civil e responsábel das barbaridades cometidas no cuartel de Intxaurrondo, condenaron a 75 anos de cárcere polo asasinato de Lasa e Zabala, dos cales cumpriu a cuarta parte argumentando problemas de saúde. Tamén foi excarcerado Julen Elgorriaga por razóns de saúde; foi condenado a 80 anos por aqueles feitos e só cumpriu o 3%. Logo de enganar a toda España, De la Rosa está en casa xa que lle impuxeron o terceiro grado co argumento de que sofre depresión. Rafael Vera, en cambio, só cumpriu 8 meses no cárcere polo secuestro de Segundo Marey -asumido polo GAL- aínda que lle impuxeron unha pena de 10 anos. David fala sobre todo da tortura e dos torturadores; tamén fala do xeito en que se utiliza a información para criminalizar moitas disidencias; xunto con isto di que a mesma Policía pon as probas que necesita para criminalizar aos que lle interesa politicamente, e que ao Goberno non quere oír nin unha palabra do observador especial da NBE contra a tortura ou dos informes das organizacións -entre outros o realizado por Amnesty International-. E isto fano porque todos estes din que se tortura no estado de dereito.

Por se non abonda, agora o mesmo Fiscal de Audiencia Nacional pediu arquivar o caso Egunkaria; segundo din, non hai probas. No 2004 en cambio o Tribunal de Estrasburgo castigou a España “por non investigar” as torturas denunciadas por 17 independentistas cataláns 12 anos antes: nas Olimpíadas tíñanse que acalar as voces que non estaban de acordo. En cambio en novembro do 2005 Zapatero absolveu aos 4 policías locais de Vigo inhabilitados e castigados por darlle unha malleira, insultar e aldraxar ao senegalés Mamado Kane –a condena era de 2 e 4 anos de cárcere-. Aznar fixo o mesmo no ano 2000: absolveu a 14 policías castigados por torturar; a un deles xa o castigaron anteriormente. E...

En fin, que teño unha lea enorme na cabeza. Este estado de dereito ten moitas zonas escuras, e fanme dubidar. Todo isto cheira a hipocresía. E con toda esta hipocresía remata a boa fe.

Oleguer Presas

Futbolista do FC Barcelona»