26.2.07

Outra política


Ten toda a razón Suso de Toro, foi para facer outra política. Tentei dicir algo semellante en forma de metáfora pero semella que cómpre ser máis explícito.

Sei o difícil que é vencer e superar as inercias e dinámicas do “fraguismo” mais se os votei foi porque agardabaque cando menos o ían intentar.

Aínda a risco de que me tachen de hipercrítico ou “pouco colaborador, van para dous anos de goberno e antes que empecen a xustificar o continuísmo actual coa milonga á que se recorre nos concellos (cómpre consolidar, esta foi unha fase de “toma a terra”, as medidas reais e de cambio han vir para a próxima lexislatura....), cómpre dicirlles que nos merecemos outra política

Merecémonos que:

· Cando nos relacionamos con algunhas –afortunadamente, non todas- vicepresidencias, consellerías e demais entramado institucional nos traten como cidadáns –mesmo cidadáns discrepantes- e non como súbditos.

· Desaparezan determinados persoeiros, non polos últimos acontecementos, senón porque hai centos de motivos polos que nunca deberon estar aí.

· Entendan que o papel do “intelectual colectivo” non é ser o seu particular “botafumeiro”.

· Comprendan que a administración non pode ser unha axencia de colocación, que á fronte de determinados proxectos teñen que estar persoas capaces e cunha cualificación profesional contrastada.

· Sexan quen de entender que pode ser un bo cadro organizativo e mesmo un excelente concelleiro –xa non digamos cando non se dan nin unha cousa nin a outra- e que non sexa a persoa idónea para estar á fronte dun cargo que esixe tamén duns coñecementos dos que que carece.

· Non confundan “populismo” con nacionalismo progresista.

· Aprendan que a participación é antónimo de “traballa para min e cando eu che pida opinión. Iso si, que o saibas: digas o que digas hei facer o que me pete e mesmo deturpar as túas propostas”.

· Susbtitúan os correos electrónicos con notas dos gabinetes de comunicación (nalgúns casos, de “incomunicación”) das institucións pola información e o debate das liñas políticas que deben presidir a actuación á fronte das diferentes áreas da administración.

Mentres tanto, se seguen reproducindo dinámicas que me gustaría ver desterradas; se mesturan á súa conveniencia organización política con administración/institución”; se improvisan e fan do populismo, a trapallada o teu método de traballo….pois que saiban que corren o risco que haxa quen, parafraseando a Llach, cantemos aquilo de: “non era iso, compañeiros, non era iso”. Noutras palabras, que haberá persoas que non admitimos que o silencio, o medo a que o adversario utilice esta ou aqueloutra manifestación, sirvan de pretexto para xustificar o inxustificábel.

E esa “canción” soará en bitácoras e nos foros que voluntariamente escollemos para expresar que camiñan por vieiros perigosos.

Aínda hai marxe para endereitar o rumbo pero moito me temo que pode máis a “síndrome do emperador”.