2.3.07

Trabucado


«ENSINO EN GALEGO E GALESCOLAS

(...) Supoño que desa constatación parten algunhas iniciativas nesta materia do actual Goberno. Velaí o decreto da Consellaría de Educación que, segundo se anuncia, disporá que ao menos a metade da docencia nos niveis primario e medio se reciba en galego. É unha óptima noticia que este decreto saia avalado polos tres partidos parlamentarios, cousa lóxica se se ten en conta que esa medida se enmarca nas previsións Plan Xeral de Normalización Lingüística que elaborou o anterior goberno. A Xunta actual debe pór todo da súa parte en que o decreto se cumpra, e isto implica moita pedagoxía (especialmente cara ao profesorado), un decidido apoio por caso mediante a creación de material didáctico acaído, e tamén unha grande determinación que non se confunda a flexibilidade coa neglixencia. Por isto mesmo, chama a atención a nula visibilidade da Secretaría Xeral de Política Lingüística neste asunto. Andará a Secretaria aos biosbardos, como nos tiñan afeitos os seus predecesores no cargo?

Outra iniciativa importante para o galego é a anunciada creación da rede de centros de pre-escolarización (as galescolas) que está a pór en marcha a Vicepresidencia. Deixando á marxe andrómenas de mandilóns, trátase dunha das iniciativas máis significativas que ten nas mans este Goberno. Hai tempo que un pensa que se debera baduar menos coas linguas e tratar moito máis de falantes. A forza de enfatizar a sacralidade daquelas, acábase esquecendo que o verdadeiramente importante son as persoas que as falan. Cantas veces ten un a impresión de que se parrafea de máis coa aquela de defender, dignificar e promover o galego, e se pensa de menos en defender, dignificar e promover os/as galegofalantes. Por suposto que temos que preocuparnos polo idioma,... pero que tal se dedicamos unha pequena parte do noso esforzo a corrixir as evidentes desigualdades de todo tipo que pexan o desenvolvemento e o benestar da comunidade galegofalante? Unha boa porción dos recursos nominalmente asignados á política lingüística (e realmente reservados para mesteres menos píos), estarían mellor investidos nestoutro tipo de empresas. Noutra ocasión teremos azo para esgaravellar neste asunto.

Se non me engano, por aí van as galescolas. Se con elas melloran as condicións de vida, os recursos educativos e as opcións de futuro dun sector francamente desfavorecido da nosa poboación -a que vive no medio rural, contando cuns servizos, uns equipamentos e unhas oportunidades inequitativos da cima ao cabo-, e ao tempo se evitan aqueles ferintes maltratos que padeceron e padecen tantas persoas neste país (entre outras, a miña nai), e que tanto me custou explicar á miña filla, pois mel nas filloas.»

Tirado de: “Falando de falantes” en http://www.elpais.com/articulo/Galicia/Falando/falantes/elpepuespgal/20070302elpgal_15/Tes

«IGUALDADE E INNOVACIÓN PRESENTAN A FERRAMENTA INFORMÁTICA DE XESTIÓN DOS BANCOS DE TEMPO NO RURAL

Estanse desenvolvendo dúas experiencias piloto en Foz e en Allariz e prevese estender a iniciativa a outros concellos interesados

Calquera persoa ou entidade interesada poderá acceder a esta ferramenta dende a páxina do SGI e dende mancomun.org»

Tirado de: http://vicepresidencia.xunta.es/index.php?id=25&lista=0&canal=3¬icia=1060

Á vista do exposto, semella o trabucado era eu.

Agora xa o entendo. As bicicletas son para o verán e as “Galescolas” e os “bancos de tempo” para o rural.