1.10.06

Estado de ánimo


Empecei con este espazo como un xeito de obrigarme a poñer por escrito as miñas 'barrenadas'. Non tiña outras pretensións así que permaneceu na ‘clandestinidade’ até que unhas reflexións sobre as galescolas chamaron a atención de Vieiros.

Tentei non ‘privarme’ e manter a liña inicial mais, dende que hai xente aí, xa non me resulta tan doado. Procurei non falar de min, dos meus estados de ánimo, aínda que en ocasións non me resulta doado. Hoxe é un deses días. Dende esta noite, Xan Guindán non dorme entre estas catro paredes. Hai tempo que deixou de ser o neno que se emocionaba cos contos de Bernardino Graña e onte comezou a andaina pola que levaba agardando.

Cara a fóra, faino con decisión. Mesmo semella un auténtico ‘desleixado’. Nótase que nesta, como noutras cousas que tampouco me gustan moito, é ‘cuña’ da mesma madeira.

Sei que lle toca empezar a voar, que é lei de vida, que outros pasaron antes por isto e todo o que se lle queira engadir. Tamén sei que os dous comezamos diferentes procesos de adaptación. Con todo, por máis que acredito na forza da razón, non fun quen de evitar deitar algunha pinguiña de sal nas beirarrúas da Avenida das Ciencias. Foron moitas emocións e botar en falta que ela xa non estea con nós para ver este momento, para dicirlle a Xan Guindán que siga como até agora e contarlle algunhas cousas que o seu pai lle omite.

Xan Guindán, capitán!, que teñas unha moi boa travesía.


P.S. Non esquezas ao que te comprometiches cando pasamos por diante do ‘Toñi Vicente’.