25.10.06

Reserva de refinadas esencias








De entrada teño certa prevención contra quen, cando ‘tocan poder’, recorren ás palabras máxicas (‘aperturismo’, ‘renovación, ‘modernización’, 'realismo', 'xestión', 'nacionalismo posíbel'.....) para articular un discurso confuso e difuso. Que queredes que vos diga! Quen peiteamos canas e temos memoria de elefante, acordamos dunha frase de Alfonso Guerra, “renovadores de la nada”, que definía perfectamente o proceso que se vivía naquel entón no PSOE e os levou, pouco despois, a desmantelar a organización e comezar a longa travesía no deserto.

Como o país é pequeniño, as miñas precaucións aumentan ao ler quen son algúns destes ‘aperturistas’. Polas súas traxectorias políticas e profesionais teño serias dúbidas que ‘aperturismo’ e
‘altruísmo’ ou desinterese camiñen da man.

Comparto o mesmo desexo de non acabar convertidos nunha “reserva de refinadas esencias” mais tampouco me serve o ‘vale todo’. O problema non está en traballar polo país, senón en como traballamos. A modo de exemplo, haberá quen entenda que privatizar a xestión dun medio de comunicación público é representar á maioría social do país e unha mostra de aperturismo e quen optamos por
“reservar as finas esencias” e defender a xestión pública, cos mecanismos de control e participación social imprescindíbeis, do medio de comunicación. Pois iso, que o cerne da cuestión non está en traballar senón cara a onde. Como ben podedes deducir, son dos de ‘a cara ao vento’.