28.6.06

A responsabilidade social da empresa



O pasado luns, 26 de xuño, Anxo Quintana presentaba a proposta do Acordo Galego polo Fomento da Responsabilidade Social na Empresa, iniciativa que, segundo a noticia facilitada pola propia Vicepresidencia “ten por obxectivo acadar un mundo empresarial que vertebre a sociedade e promova a igualdade de oportunidades (....)". O Acordo promove unha serie de medidas "dirixidas aos colectivos sociais (as mulleres, a xente moza e as persoas con discapacidade, os grupos máis prexudicados no mercado laboral”.

O martes, 27 de xuño, o DOG publicaba a convocatoria da Consellería de Industria e Innovación pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións a asociacións e entidades de carácter sectorial sen ánimo de lucro para o impulso de actuacións de sensibilización e difusión en materia de responsabilidade social corporativa e de apoio ás accións de responsabilidade social na promoción da igualdade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia”, convocatoria na liña anunciada por Quintana; isto é, por segunda vez, nin unha referencia aos usos lingüísticos.

En novembro de 2004, nunhas xornadas convocadas polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña escoitaba falar de lingua e responsabilidade social empresarial/corporativa nos seguintes termos:

«A deslocalización e as condicións en que determinadas empresas subcontrataban a súa produción provocou nas sociedades desenvolvidas unha forte presión social contra esas marcas que tivo a súa tradución en que, basicamente a partir de 1999, estas empresas pouco menos que se viron forzadas a incorporar o concepto de «responsabilidade social» á súa imaxe corporativa, á súa proxección de marca.

Por responsabilidade social da empresa (RSE) enténdese, con carácter xeral, un código ético voluntario que a empresa incorpora á súa cultura empresarial e que a compromete a procurar a conciliación entre o crecemento e a competitividade co respecto aos dereitos humanos, aos laborais e a o medio ambiente.

É unha definición xeral que os diferentes países reelaboran para adaptala á súa tradición política e social, perfilando, na práctica, diferentes modelos de actuación. Velaí que, por exemplo, empresas e administración (políticas públicas) dos países nórdicos enfocan a RSE como unha resposta á crise do estado do benestar e fan máis fincapé nas cuestións sociais mentres que, seguindo cos exemplos, en Alemaña, diríxese ao desenvolvemento sustentábel, ao respecto ao medio ambiente.

En contextos de conflito lingüístico como o noso, reelaborar o concepto de responsabilidade social da empresa pasa, ao noso entender, por incidir na idea que a o respecto aos dereitos humanos e aos dereitos laborais inclúe o compromiso ético coa nosa lingua. Noutras palabras, que o código ético das empresas galegas non pode disociarse do compromiso coa lingua do país.

Non se trata de facerlle á empresa, ao mundo socioeconómico, esixencias que non lle corresponden nin lle son propias. Trátase de situar a empresa como é, un actor que a súa actuación económica non se vexa sobordada por esixencias que non lle corresponden, pero tamén de xeito que non ignore que non hai ningunha actuación –caso da lingua- que non teña unha repercusión social. E todo isto co obxectivo de que lingua e cultura empresarial sexan dous valores asociados.

E cando falamos de compromiso coa lingua, referímonos, por exemplo dende o respecto da forma propia dos topónimos por moi multinacional que sexa a produción (non hai máis que contrastar como aparecen nas etiquetas das grandes marcas de cava que se poden adquirir en calquera parte do mundo e nas dalgunhas empresas do téxtil ou do conxelado de Galiza) até o uso do noso idioma nos manuais de instrucións.

De non resituar a RSE da empresa e aplicala, comezando polo propio país e pola propia lingua, corremos o risco de convertela noutro concepto «perverso», un formalismo «politicamente correcto» que encubra prácticas sociais mesmo pouco éticas.»

Vid: “Posibilidades de dinamización lingüística e cultural no mundo da empresa” en Lingua e Cidade. I Xornadas sobre lingua e usos. Universidade da Coruña 2005, páxs 177 e 178,

Pois iso. Logo non digamos que tódalas culpas son de Marisol, que as ten e son moitas pero cada día que pasa, por acción e omisión, tamén caen desta banda.

CODA. Grazas S, por exercer de mecanógrafa.

16.5.06

Galegoescolas e interrogantes


a) Se a Xunta cambia o concepto e a denominación dos centros de 0-3 anos (de gardería a escolas infantís con tódalas explicacións que se derivan) e ademais estamos falando dunha competencia propia, por que se opta por crear unha “rede de galegoescolas” e non se dicta unha norma de carácter universal (por exemplo, unha modificación das leis 4/93 de servizos sociais, 3/97 da familia, da infancia e da adolescencia, do Decreto 329/2005 que regula os centros de atención á infancia e normativa de desenvolvemento) para garantir a oferta educativa en galego en tódalas escolas infantís con independencia da súa titularidade; isto é, sexan públicas ou privadas? Non é extrapolábel o exemplo, do bacharelato ou dos ciclos formativos, que son “ensinanzas secundarias POSTOBRIGATORIAS, EXPO, onde a norma sobre o uso do galego atinxe a estas ensinanzas e tanto aos centros públicos coma aos privados?

b) Exclúense da rede de “galegoescolas” as escolas infantís que xa existen a día de hoxe e que dependen das corporacións locais? Cómpre ter en conta que segundo os datos da propia Vicepresidencia, actualmente –antes da creación dos centros que anuncian como “galegoescolas”- hai 8.599 postos en centros de educación infantil de 0-3 anos, repartidos en 22 garderías da Xunta, 89 escolas infantís municipais, e 7.500 prazas en centros privados.

c) Se non se exclúen e o prazo para poñer en marcha as “galegoescolas” é este ano 2006 e máis o próximo, 2007, por que na Orde de 25 de abril de 2006 pola que se convocan axudas para o mantemento e mellora da calidade das escolas infantís 0-3 dependentes das corporacións locais, publicada no DOG do xoves 11 de maio (un día antes da rolda de prensa en que se deu a coñecer o das “galegoescolas”) non se introduciu ningunha “cláusula” en sentido positivo na liña de primar o apoio económico a aquelas escolas que dean pasos para, de cara ao vindeiro curso, garantir que haxa oferta educativa en galego para os nenos galegofalantes e que os castelanfalantes reciban cando menos un terzo dos contidos en lingua galega?

d) Por qué na citada Orde de convocatoria de axudas non se fai ninguha alusión ao PXNL e a única referencia á cuestión da lingua refírese á hora de valorar os proxectos de mellora da calidade terase en conta aqueles que: “desenvolvan programas de innovación pedagóxica e dinamización lingüística?

e) A rede de “galegoescolas”, significa un cambio na titularidade desas 99 escolas infantís de nova construción?. Pasan as “galegoescolas”, a ser titularidade tamén na xestión e contratación de persoal, da Vicepresidencia ou do Consorcio de servizos sociais? Cómpre ter en conta que, pola relación que lin, unha boa parte das 99 empezaron a construírse co goberno do PP e para ser centros de titularidade municipal. Se non hai cambio na titularidade, vai introducir cambios nos proxectos técnicos e na construción dos centros para haxa espazo físico de abondo para garantir liñas diferenciadas para galegofalantes e castelanfalantes? Cómo se vai facer o acceso a cada unha das liñas? Qué normas vai dictar Vicepresidencia para que os concellos garantan a existencia de a oferta educativa en galego nas escolas infantís de titularidade municipal? Qué tipo de probas vai ter que realizar o persoal que aspire a traballar nas “galegoescolas” para acreditar a súa competencia lingüística?

f) Que norma vai regular a oferta educativa en galego? A que escolas infantís vai ser estensiva? Tamén, por exemplo, ás dos hospitais do SERGAS e ás conveniadas co Ministerio de Defensa que xa hai na actualidade?

g) Cales son as obrigas en canto á oferta educativa en galego das escolas infantís privadas beneficiarias do cheque infantil?

h) Hai previsto algún proxecto de “cooperación intelixente” coa industria cultural para a produción de materiais en galego?

i) No marco da “revolución tranquila do benestar, hai previsto algún programa para a reciclaxe do persoal docente que xa presta servizos nas escolas infantís municipais e de titularidade da Xunta?

5.5.06

Revolución tranquila: tamén en galego?


E xa postos á “revolución tranquila do benestar”, á “cooperación intelixente” e a agradecerlle a Caixa Galicia “o seu compromiso e a súa colaboración para aumentar a rede de equipamentos para persoas maiores, tanto no caso concreto desta nova residencia coma pola participación da entidade financeira na Sociedade Galega de Servizos Sociais “(Sogaserso)” pois podía aproveitar a ocasión para dicirlles que non estaría de máis que o “portal para o sector non lucrativo” promovido por esta entidade financeira estea en galego ou, cando menos, teña opción para visitalo na nosa lingua.

4.5.06

O Cartafol dixital



Breve pero interesante o artigo “Outra vaca máis no blogmillo” que publica O Cartafol Dixital de abril.

21.4.06

Punto e seguido


Con estas palabras pechaba o alcalde de Fene o ciclo “Non des ao esquecemento”

«Con Astano ao fondo, a uns metros da Praza do Dez de Marzo, neste barrio tan vinculado historicamente á loita política e sindical contra a ditadura, acabamos de inaugurar, a escultura de Loureiro, unha peza en aceiro coa que queremos simbolizar a pública homenaxe do pobo de Fene alcalde Ramón Souto González, Alexandre Bóveda, Daniel e Amador, Cándido López González, Moncho Reboiras, Sira Alonso, Rodrigo Villar Díaz, Xan de Xenaro, Vicente Veiga García, Gayoso, Pepe Molinuco, Mariví Villaverde, Paco Filgueiras, Juan, Fina Gallego, Xesús Díaz Rascado, Paco Filgueiras .... e tantos milleiros de feneses e fenesas, de galegos e galegas a fusiladas, paseadas, exiliadas, vítimas do exilio interior ou que sufriron a represión nas súas costas por defender a nosa identidade como nación, os valores de igualdade e liberdade das persoas e dos pobos.

E facémolo poñendo fin a un ciclo, “Non des ao esquecemento”, que pola súa propia denominación e procedencia da mesma constitúe toda unha declaración de intencións e o xeito de expresar o xeito en queo Concello de Fene quixo contribuír á xusta e fermosa iniciativa da Consellería de Cultura e Deportes da Xunta de Galiza ao declarar o ano 2006 como ano da memoria.

Dende o mes de marzo, tódolos martes e xoves, reunímonos na Casa da Cultura ao redor dunha proposta do profesor Bernardo Máiz e Daniel Romero, director científico e coordinador de “Non des ao esquecemento”, para reconstruír coa imaxe a palabra e dende unha perspectiva de país un período da nosa historia nuns momentos en que se cumpre o 70 aniversario do plebiscito do primeiro estatuto de autonomía de Galiza.

Xuntámonos para aprender do pasado, homenaxear a quen nos precederon na defensa dos ideas de xustiza e liberdade e falar do futuro, dese novo estatuto de nación que o Parlamento Galego comeza a articular.

E seguimos xuntándonos hoxe aquí, ao redor desta obra de Loureiro (quixera facer un breve inciso para agradecerlle ao artista a magnífica acollida que tivo para coa nosa proposta e tódalas facilidades que nos deu para levala a cabo así á directora de Sargadelos as súas xestións e seu labor de intermediación) dicía que nos xuntamos hoxe aquí, ao redor do que xa vai pasar a ser un homenaxe permanente a quen ergueron o facho de luz nun período de sombras.»

14.4.06

Os tempos son chegados


De render homenaxe e recoñecer o labor de todas as persoas que dende o 14 de abril de 1931 dedicaron a súa vida á loita pola liberdades individuais e dos pobos, de recuperar a memoria dos que, en palabras de Isaac Díaz Pardo, “caeron, sen pedir contas nin atacar a ninguén”.

12.4.06

Queixumes dos pinos

Non seguín o debate en vivo así que falo por referencias e polo esforzo de modestoweb –aproveito para darlle as grazas polo servizo- ao poñer en liña un bo cacho do mesmo. En calquera caso, non deixa de chamar a atención o representante designado polo BNG para falar da situación do galego, unha persoa que aínda non hai un ano mantiña unha colaboración semanal no xornal La Voz de Galicia co título de “Rincón del viento” e o español como lingua de comunicación cos seus lectores. Non, se ao final resulta que ten razón Sarille cando, referíndose ao BNG, afirma “Agora fan unha política semellante á do centrismo rexionalista, tipo PNG e CG. Este é o gran dato sociolóxico, porque pode ser a puntilla para o idioma galego. Demasiada viaxe para chegar a isto.”

5.4.06

Racionalidade

En xuño de 2001 lía en Redada –e antes en Da periferia á rede- a conveniencia de desenvolver políticas racionais para combater a fenda dixital e, nesa perspectiva, a proposta de converter os centros de ensino en “Telecentros”; isto é, en espazos pensados de alfabetización e dinamización dixital da contorna. Hoxe leo na prensa que a Xunta o vai levar a cabo. De momento, só en oito colexios e como plan piloto pero con vocación de estendelo. Os meus parabéns para a Conselleira.

31.3.06

Iria e Parallé


Cando Iria estudaba imaxe e son, fixo algún traballo audiovisual sobre don Xosemaría. Agora, convidada polo Obradoiro Literario a participar en voces da casa (3), faino recreando un anaco de Dorna romeira.

27.3.06

Voces amigas na nosa casa


«Aquí estamos un ano máis convosco para convidarvos a entrar na nosa casa e que vexades cómo somos. E desta vez facémolo no marco do ciclo «Non des ao esquecemento», evento co que o Concello de Fene pon o seu gran de area para colaborar a manter vivo o lume da memoria daqueles anos escuros que invaden como unha nube mesta o centro do século XX no noso país.

As letras galegas xa viviran os seus (moitísimos) anos escuros. Saíran deles collidos da man de Rosalía. Nestes anos escuros da ditadura franquista elas experimentaron o duro camiño do exilio, da ocultación, do susurro. Pero non ficaron caladas. Dende o agocho de dentro ou dende a dor de lonxe medraron lentas e firmes colabourando a abrir o camiño que hoxe nos permite a todos estar aquí.

Este ano, os membros do Obradoiro Literario de Fene asumimos unha proposta de traballo para achegárvola nestas páxinas: cada un de nós convidou á festa a un autor (cómpre recoñecer que a liberdade de escolla provocou que algún autor recibise dous e tres convites a participar). Aos convidados gardabámoslles unha sorpresa. Ao chegaren á nosa casa descubriron que cada un de nós utilizara un texto seu como xermolo para dar

vida a unha nova criatura literaria.

Foi para todos nós unha ledicia contar, nesta aventura, coa participación entusiasta de Iria López Teijeiro. Ela entrou hai uns poucos meses pola porta grande da literatura galega cunha fermosa novela, Meniña de cristal, gañadora do I Premio Biblos-Pazos de Galicia. Hoxe entra na nosa casa que é tamén súa.» Limiar de voces da casa (3)

A presentación de voces da casa, unha publicación que xa vai polo seu terceiro número, vai ter lugar o venres, 31, ás 20 h na Casa da Cultura de Fene cun recital a cargo dos participantes no Obradoiro acompañados do seu coordinador, Eduardo Estévez, e de Iria López Teijeiro.

24.3.06

O tren que me leva


O martes, 28 de marzo, no marco do ciclo «Non des ao esquecemento», Xavier Alcalá, presentará en primicia absoluta un “clip” de O tren que me leva, documental sobre a vida e cancións de Andrés Do Barro no que aparecen a falar del e da súa obra persoeiros ben coñecidos como o Lasén, o Xoán Rubia, o Alcalá e demais... O tal do retallo do documental dura un cuarto de hora, e nel se din moitas cousas sobre o fenómeno da nova canción e as relacións Voces Ceibes, Do Barro, Rubia, Pardo, Sprinters, Tamara... Na presentación Alcalá estará acompañado de Anxo Fernández, produtor e director do documental, que gravou máis de 20 horas e é testemuña de primeira man do que se dixo durante elas.

23.3.06

As TIC ao servizo da participación social


A Comisión Europea difunde, a través do Programa Socrates, unha serie de consellos para fomentar o bo uso das TIC e a xente de TEB-Ravalnet transformáronas nunha nova ‘cápsula de coñecemento’ que di así:

Accesibilidade e espazos

O acceso e o proceso de aprendizaxe das TIC ten que ser gratuíto, sobre todo para os niveis iniciais de formación.

Os centros de aprendizaxe (aulas informáticas, telecentros...) teñen que estar abertos e dispoñer de horarios moi amplos e flexíbeis, que inclúan sesións de mañá, tarde e noite tamén durante as fins de semana.

Atreverse a aprender

Os cursos, a metodoloxía, os materiais e as actividades teñen que basearse nas necesidades e intereses das persoas que participan. Na aprendizaxe das TIC é moi importante a práctica continuada, porque é a única vía de asimilar e integrar os contidos.

Todas as persoas poden superar o medo inicial e comezar a traballar cun ordenador, e todos e todas podemos aprender a utilizar as TIC se nas diferentes aulas e cursos se crea un clima agradábel e positivo.

Traballo transversal e contidos axeitados

As persoas responsábeis dos diferentes cursos teñen que facer un grande esforzo didáctico, dar explicacións sinxelas e explicar o significado das palabras técnicas nunha linguaxe accesíbel para tódalas persoas. Trátase de non crear ningún tipo de barreira que dificulte o acceso á aprendizaxe.

É importante crear grupos de traballo baseados nun centro de interese común a tódalas persoas participantes e poder integrar as TIC como un instrumento de traballo nos diferentes procesos de aprendizaxe.

Participación e equipamento

A participación dos diferentes usuarios e voluntarios é indispensábel e moi importante. Grazas, precisamente, ao seu papel, é posíbel a construción da Rede. Tódalas persoas poden aportar algunha cousa.

A aprendizaxe das TIC ten que se parte do proceso de aprendizaxe ao longo de toda a vida. Por este motivo, é importante que cada estudante poida contar cun ordenador para garantir un proceso de aprendizaxe directo e constante.

Difusión e convivencia

É moi importante achegar o coñecemento das TIC ao maior número de persoas posíbeis, difundindo ao máximo as iniciativas e actividades que se programen e facilitando a participación das mesmas das persoas susceptíbeis de estar interesadas.

A aprendizaxe das TIC debe contribuír a superar situacións de xenofobia e racismo e ten que se basear na promoción das persoas con discapacidades e na igualdade entre homes e mulleres.

22.3.06

Dedicatoria


A José Bono, na súa visita ás Terras de Trasancos este anaquiño de “La mala reputación”

En la fiesta nacional
yo me quedo en la cama igual,
que la música militar
nunca me supo levantar.

En el mundo, pues, no hay mayor pecado
que el de no seguir al abanderado.
No, a la gente no gusta que
uno tenga su propia fe.

Pode escoller entre a versión orixinal,
Brassens, autóctona pero clásica, a de Paco Ibáñez, ou en plan máis rockeiro, a de Loquillo e Trogloditas.

21.3.06

Ecoloxía informática

Son propostas de sentido común que nos axudan a ser ecolóxicos tamén no uso da informática.

Conferencia de Antón Costa


No seu relatorio, Antón Costa Rico fará un percorrido, apoiado en textos escolares, polo que foi o currículo oficial e as súas cativas variacións na escola do franquismo ao longo dun extenso período de máis de 40 anos.

Logo dun punto de partida (“A República dos mestres” e a lingua das bolboretas), Antón Costa vainos convidar a pousar os nosos ollos, de modo breve, na represión, nas leis de reforma dos plans de estudos do Bacharelato e do Ensino Primario (1945), no ideario político e pedagóxico que fundamentaba e sostiña a orientación totalitaria-fascista e logo nacional-católica que se seguiu no ensino, nas varias etapas ministeriais ata a Lei Xeral de Educación, no comportamento eclesiástico e na privatización relixiosa do ensino medio urbano, na vida diaria da escola e no malpasar dos mestres. Algo tamén dirá sobre “El Frente de Juventudes”, a “Sección Femenina”, o labor de “Auxilio Social”, os libros de texto (Rayas, Enciclopedias, Manuscritos de cartas,…), o canto (“Cara al sol”, “Montañas nevadas”,…), a persecución do galego, a educación da muller (“La cocina: su gran laboratorio”), a lexitimación escolar da Ditadura, o valor do que na escola se aprendía, o Plan Galicia, e o comezo do desencanto social, en demanda doutros horizontes.

20.3.06

Na procura das sete diferenzas

Non sei a quen lle escoitei que se goberna a través do boletín oficial. Como lector compulsivo do Diario Oficial de Galiza, nestes meses, pouco ou moi pouco. E o que é peor, moitas coincidencias. Se a principios de ano era galego.org quen publicaba a noticia “Política lingüística copia o modelo de subvencións sobre o do PP” agora son eu quen vos convida a encontrar as sete diferenzas entre as convocatorias da Dirección Xeral de Xuventude. Por se non as tendes a man refírome a: Orde de 23 de novembro de 2004 pola que se convocan subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a realización de actividades dirixidas á xuventude, para a promoción da información xuvenil e para a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías durante o 2005 (goberno do PP, DOG do 29 de decembro de 2004) e a Orde do 10 de marzo de 2006 pola que se convocan subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia para a realización de actividades dirixidas á xuventude, para a promoción da información xuvenil e para a incorporación da xuventude ás novas tecnoloxías (goberno bipartito, DOG do 20 de marzo de 2006).

19.3.06

Décimo aniversario


Parabéns, CTNL

17.3.06